A cantidade de plástico agrícola (plástico e bolsas de silo, plástico de invernadoiro) que se xera en Galiza ao longo dun ano é de aproximadamente 7.700 toneladas.

A práctica habitual do vertido ou da incineración de xeito incontrolado supón un problema medioambiental, que orixina un deterioro progresivo e acumulativo do contorno, tendo ademais en conta o impacto paisaxístico derivado da proliferación de puntos de abandono destes materiais.

Ante esta problemática, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas puxo en marcha o Programa de Recollida de Plástico Agrícola co obxecto de implantar un sistema de recollida dos plásticos agrícolas, tanto de silo coma de invernadoiro, e facilitarlle ós agricultores e gandeiros a súa xestión axeitada.

Os agricultores e gandeiros deixaban os seus plásticos agrícolas no lugar indicado por cada concello. Unha vez que o punto de acopio estaba cheo, o concello chamaba a empresa de recollida (subvencionada pola Consellería de Medio Rural), e esta procedía a retiralos a a súa posterior reciclaxe.

Este sistema, que evitaba que os plásticos agrícolas acabasen ciscados por leiras ou montes ou queimados de forma incontrolada, non funciona o día de hoxe, o que vemos como unha grave irresponsabilidade da Xunta por cancelar este servizo, o que está xerando un grave problema medioambiental, social e paisaxístico.

Por iso, dende En Marea vimos de rexistrar unha iniciativa onde lle pediremos a Consellería de Medio Rural recuperar o servizo de recollida de plásticos agrícolas, que se encargaba da xestión dos plásticos procedentes de silos, invernadoiros e hortas, facer unha campaña de concienciación entre gandeiros/as e agricultores/as para aumentar o volume de plástico que se está a recoller e para a súa axeitada xestión e estudar a posibilidade que sexa unha empresa pública a que faga a xestión desta recollida de plásticos.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.