Unha das facianas da seguridade pública é a configuración dun sistema de protección da poboación ante toda caste de incidentes, emerxencias, catástrofes ou calamidades públicas. Trátase de evitar, reducir ou corrixir os danos que estes poidan ocasionar ás persoas, aos bens ou ao medio ambiente, e aí, as administracións teñen que xogar un papel esencial.

É urxente que en Galicia, que tanto sofre polos incendios, as administracións, tanto autonómicas como locais, coiden ao persoal dedicado ás emerxencias, pois xóganse a vida desempeñando o seu traballo. Isto non sucede así no Concello de Ourense, onde o Corpo de Bombeiros se ve ninguneado e denuncia que o Concello ignora as súas peticións en relación a unhas condicións laborais dignas e necesarias e que repercuten no ben xeral da cidadanía.

Os bombeiros do Concello de Ourense levan medio ano reclamando unha solución para súa situación, reivindicando unha serie de cuestións referentes á falta de persoal, á negativa a convocar ofertas públicas de emprego, á falta de inversión de 1.300.000 euros dos fondos da UNESPA, o que conleva escaseza de material, a ausencia de formación e a necesidade da comarcalización.

Ante esta situación, tres bombeiros decidiron iniciar unha folga de fame durante tres días, dende o 4 ata o 6 de febreiro, diante do Concello, para denunciar a súa situación e instar ao Concello a poñerlle unha solución dialogada, pois o Corpo de Bombeiros precisa máis efectivos para poder realizar a súa labor con dignidade e seguridade, polo que tomaron esta medida de presión sobre o goberno municipal para que cumpra os seus compromisos e poña en valor o servizo de Bombeiros de Ourense.

En relación ao persoal, no ano 2000 eran 72 bombeiros, mentres que no 2018 eran tan so 52. Actualmente, a media de idade dos bombeiros do parque de Ourense ronda os 50 anos. Dende o ano 2011 non houbo novas incorporacións, mais alá de sete prazas de cabo. Teñen 17 prazas vacantes segundo a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello, e non se convocan ofertas de emprego para poñerlle solución, o que provoca situacións perigosas como as acontecidas no verán, onde so seis persoas están de servizo: unha encargada da sala de comunicacións, outros dous son mandos, e tres persoas para traballar.

O déficit de persoal no servizo de bombeiros de Ourense é un mal crónico dos últimos anos. Ourense ten a metade de bombeiros que a rateo recomendada por Europa, pois hai 52 no servizo municipal, estando a cobertura moi por debaixo dos 80 efectivos recomendables segundo os profesionais e moi afastada da cifra ideal que establecen a Unión Europea e a Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias, que aconsellan un profesional por cada 1000 habitantes. A falta de efectivos no Corpo provoca falta de organización no servizo, pois non poden formarse, que é algo básico, nin desfrutar dos seus días libres. Non piden aumentos salariais, senón organización do servizo, medios e efectivos.

Os bombeiros tamén reclaman a comarcalización do servizo, que afectaría a 15 concellos (máis da metade da provincia), o que suporía a redución do tempo estimado de resposta ante calquera incidencia neses concellos limítrofes, que se estima nuns vinte minutos como máximo. Ademais, dotaría ao parque de Ourense, segundo estimacións, con 15 ou 20 prazas máis de bombeiros.

A comarcalización dos servizos de bombeiros xa se estaba preparando o ano pasado, onde a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e a FEGAMP mantiveron diversos encontros, tamén con representantes de todos os concellos implicados, sen chegar a facerse inda efectiva.

De producirse a comarcalización, o parque de bombeiros da cidade atendería aproximadamente a 47.000 persoas, aparte da veciñanza da cidade. Recibirían atención directa Ourense, Amoeiro, Barbadás, Coles, Paderne de Allariz, A Peroxa, Taboadela, Toén e Vilamarín, e Esgos, Maceda, A Merca, Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas terían o servizo de forma complementaria.

As previsións que a Xunta manexaba eran que a finais de 2018 o servizo estivera totalmente en marcha. Luís Menor chegara a afirmar, o pasado ano, que a falta de persoal, recoñecida pola propia administración, era o que impedía que se puidera poñer a medida en marcha inmediatamente. Alfonso Rueda tamén comentara, a mediados do ano pasado, que a comarcalización do parque de bombeiros de Ourense era cuestión de vontades, asegurando que era unha moi boa solución, que optimizaba recursos públicos e promovía unha mellora substancial para moitas persoas que non tiñan un servizo garantido. A día de hoxe, o problema segue sen estar solucionado.

En relación ao material os bombeiros reclaman unha inversión que, actualmente está parada, sen que saiban o motivo, de 1,3 millóns de euros en material e equipamento procedentes da Unión Española de Entidades Aseguradoras e Reaseguradoras (UNESPA).

Debido a esta situación co financiamento, traballan nunha precariedade material absoluta, sen o equipamento axeitado ou en mal estado de conservación. É dicir, sen os medios adecuados para o correcto desenvolvemento do seu traballo. Aseguran que teñen vehículos de vinte anos, e os máis novos, de 14, comezan a ter avarías. Non están preparados para facer fronte a intervencións acuáticas porque teñen os escarpíns e o neopreno rotos, non teñen luvas, etc.

Aseguran que as súas reivindicacións non son só polos bombeiros, senón que o máis importante é a seguridade da cidadanía, pois como bombeiros saben o que pode pasar se sucede algo grave, saben que a cidade precisa un corpo de bombeiros que poida traballar, con recursos humanos e materiais.

Por isto, dende En Marea pedímoslle a Xunta de Galicia mediar para buscar unha solución, entre todas as partes implicadas no conflito do servizo de bombeiros de Ourense, instando ao Concello a dialogar co colectivo, instar ao Concello á cobertura das vacantes da RPT, mediante a convocatoria dunha oferta pública de emprego, instar ao organismo competente para o desbloqueo dos fondos da UNESPA, que permitan solventar as fallas materiais requiridas, e que velen polo cumprimento do PLADIGA, o PLATERGA, e os diversos plan de emerxencias.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.