Galicia sofre unha perda de poboación no rural desde hai varias décadas. A poboación arrímase á costa nun éxodo sen precedentes do rural, en busca do maná prometido como son as oportunidades de traballo e a consecución dunhas mellora na calidade de vida. Isto dáse nas provincias do interior Lugo e Ourense cara as zonas costeiras de Pontevedra e da Coruña, onde tamén se produce esta marcha desde o interior cara as cidades.

Porén o maná está no rural e sempre estivo alí. As condicións de vida son inmellorables e incomparables sempre que as administracións se impliquen e axuden á poboación coa garantía de servizos ao igual que ocorre nas grandes urbes. É necesario ver e potenciar a necesidade de habitabilidade do rural: a cidade non come se o campo non traballa.

A perda de cultivos en Galicia amosa esta realidade do éxodo en busca do maná. Así desde o inicio da crise, segundo un artigo publicado na Opinión da Coruña, máis de 33.364 hectáreas de terras de labor abandonáronse. É a superficie dedicada a cultivar cereais, forraxes, hortalizas e legumes.

Nunha táboa publicada polo Instituto Galego de Estatística o 11 de setembro de 2018 vese o avance inexorable do éxodo e da perda de cultivos. Así, no ano 2006 producíanse 1.985.590 toneladas de millo forraxeiro que pasaron no ano 2017 a 1. 936.384. no ano 2006 había 5.983.521 toneladas de pradería polifita que pasaron no ano 2017 a 3.218.426.

Tamén se reduciu o cultivo de pataca, afectado nos últimos anos pola couza guatemalteca.

Esta perda tamén é visible no sector vitivinícola. É posible reverter esta situación creando novas oportunidades de traballo e de negocio para a xuventude no rural, que permita reverter o éxodo e que fixe poboación no rural que permitirá un gran avance socioeconómico en Galicia.

Por todo isto, En Marea preguntará no Parlamento Galego que medidas ten pensado levar a cabo o goberno galego para reverter a situación de déficit nas principais producións agrícolas galegas.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.