O deputado de En Marea por Ourense vén de rexistrar unha Proposición Non de Lei e unha serie de preguntas para a súa resposta na Comisión 2ª relativas á falta de conservación das estradas OU-111(Prado, concello de Vilar de Barrio) e OU-113 (Laza), así como da OU-114 no concello de Castrelo do Val (Ourense), atopándose actualmente nun lamentable estado.

A veciñanza de Castrelo do Val viuse obrigada a manifestar publicamente o seu malestar ante a pasividade de ADIF á hora de abordar as desfeitas xeradas polas obras de construción do AVE ao seu paso pola zoa: enormes fochancas no firme das calzadas, así como o seu mal estado de conservación en xeral, supoñen un grave problema para a seguridade viaria, ao ser estradas de uso cotiá para trasladarse polo municipio e aos servizos da capitalidade comarcal (Verín) ou provincial (Ourense).

Nesta situación atópase non so a estrada de Castrelo do Val (OU-114), senón tamén os ramais OU-111 (Prado) e OU-113 (Laza), sendo especialmente significativo o deterioro da estrada de Prado polo seu lamentable estado de conservación, e é que, ao problema da seguridade viaria e do aumento dos tempos nos desprazamentos, débeselle engadir o elevado custe económico en reparacións de vehículos estragados, que condutores e condutoras habituais deben asumir, por causa da nefasta situación das estradas.

Desde En Marea sinalan que a finais do ano 2016, ADIF adxudicou a reparación de varias estradas autonómicas e provinciais danadas polas obras do AVE, mais “a día de hoxe”, afirma Davide Rodriguez, “non se ten coñecemento de nada que atinxa á súa reparación, o cal non é de recibo”.

Por todo elo, desde En Marea e a iniciativa do deputado ourensán, presentan esta Proposición Non de Lei para instar á Xunta a que faga o propio co Ministerio de Fomento e se apremie a ADIF para que leve a cabo a reparación das citadas estradas, estragadas polas obras de construción do AVE. Tamén se insta á Xunta a que faga un mapa de estradas afectadas en toda Galiza e se inste o seu inmediato arranxo.

Por outra banda, desde o grupo parlamentar de En Marea rexistraron unha serie de preguntas onde cuestionan cál é o motivo polo que ADIF non levou a cabo a reparación das estradas estragadas polas obras de construción do AVE; se a Xunta é consciente dos perigos que supón o estado actual das estradas (vitais para os desprazamentos) e, de ser así, se desde a Xunta se falou co Ministerio de Fomento sobre esta problemática co obxectivo de buscarlle unha pronta solución.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.