En Marea critica que a lei de Patrimonio Natural non aborda a grave situación de abandono e protección o medio natural do país.

En Marea rexeita a nova lei de Patrimonio Natural no Parlamento de Galicia ao considerala pouco ambiciosa no que atinxe á protección e ao observar que non aborda a grave situación de abandono do noso patrimonio natural.

Primeiro imos depredar todo coa nova lei de iniciativas empresarias, beneficiando a minaría e a gran industria e logo dámoslle un lavado de cara con esta lei que non chega ás cuestións de fondo que ten que chegar”, criticou o deputado Davide Rodríguez no Pleno.

En Marea destacou na Cámara galega que a Asociación Drosera para o Estudo e Conservación do Medio Natural, a Asociación Galega de Custodia do Territorio, Ecoloxistas en Acción, o Foro de Redes e Entidades de Custodia do Territorio, o Grupo Naturalista Hábitat, a Rede Galega de Entidades de Custodia do Territorio, a Sociedade Galega de Historia Natural e a Sociedade Galega de Ornitoloxía, entre outras, teñen demostrado e argumentado que o borrador desta lei non protexe efectivamente á natureza.

Davide Rodríguez explicou que En Marea abstívose na votación desta lei por non ter podido participar na ponencia dende a súa nova situación no Grupo Parlamentario Mixto.

Asemade, o deputado apuntou que “non hai un compromiso económico real que acompaña ao ditame desta lei”, nin está prevista a sensibilización da cidadanía nin unha atención especial á concienciación das crianzas.

Do mesmo xeito, Rodríguez salientou que a lei fala dun catálogo de especies ameazadas ou en perigo de extinción, aprobado no ano 2007, e que recollía 200 especies ameazadas fronte ás que se prevía elaborar plans de recuperación e conservación.

Na actualidade hai tres plans para a protección desas especies ameazadas. Tres, e incluso eses tres plans aprobados non están a ser aplicados. Un 1,5% destas especies obtiveron un plan de protección. Un 1,5% en doce anos. A quen queren engañar?”, dixo Rodríguez na súa intervención no Pleno extraordinario.

Nesta liña, Davide Rodíguez criticou que no texto lexislativo “non queda claro que o aumento imparábel do eucalipto estea relacionado co abandono agrario e co declive do medio rural galego, xerándose así un caldo de cultivo para o negocio pasteiro”.

A falla dun modelo produtivo sustentábel, multifuncional e socialmente inclusivo, fai que o destino de montes e terras agrarias sexa o monocultivo, nomeadamente de eucalipto, substituíndo ás frondosas autóctonas”, engadiu Rodríguez.

Rodríguez criticou que nin se está a cumprir a lexislación vixente e instou á Xunta a que non se permitan novas plantacións e repoboacións con especies do xénero Eucalyptus nos espazos pertencentes á Rede Galega de Espazos Protexidos.

O deputado solicitou que se inclúa de maneira formal no catálogo de especies invasoras o Eucalyptus Nitens “como unha especie exótica e invasora, perigosa para o mantemento da biodiversidade e a funcionalidade dos nosos ecosistemas, en virtude das múltiples sentenzas existentes”. Así como que se poña en marcha un plan de control e erradicación desta especie naquelas áreas nas que xa estea presente.

Ademais, o deputado referiuse á visita á Serra do Oribio que realizou a pasada semana xunto á deputada Paula Vázquez Verao. Unha zona protexida pola Rede Natura 2000 ameazada pola instalación du parque eólico, do que En Marea reclamou a documentación. “Aí é onde van a saír a luz as súas contradicións. A ver de que lado verdadeiramente están”, interpelou Rodríguez ao Partido Popular no Parlamento.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.