Dende o Grupo Parlamentario Mixto mostramos a nosa preocupación con respecto de certos aspectos desta nova lei que poderían contravir determinadas disposicións normativas, articulando un réxime de intervención directa por parte da Entidade Pública Augas de Galicia sen desenvolver as tramitacións administrativas que corresponderían, minorando, en consecuencia, o réxime de garantías legalmente establecido.

Conscientes da necesidade da adopción de medidas en orde á debida protección dos recursos hídricos, as medidas adoptadas nesta lei teñen que ir precedidas dunha profunda análise aos efectos de evitar accións que puideran afectar de modo irremediable ao dominio público hidráulico, para o cal, resulta imprescindible que se sigan os procedementos legalmente establecidos coa intervención e o consenso de tódalas administracións implicadas.

Dende o Grupo Parlamentario Mixto, rexeitamos a creación dun réxime sancionador para os concellos en función da existencia de perdas ou fugas nas redes municipais de abastecemento. En lugar de sancionar… por que non se
habilitan axudas efectivas para mellorar as redes municipais e corrixir as eivas que poida haber?

Esta lei producirá ademais contravención das previsións do art. 120 e 231 da Lei 9/2017, ditado ao abeiro do art. 149.1.18ª da Constitución Española, das previsións do art. 58 do Real Decreto Lexislativo 1/2001, ditado ao abeiro do art. 149.1.23ª da Constitución Española e do art. 18 e art. 38 do Real Decreto907/2007, ditado ao abeiro do art. 149.1.23ª da Constitución Española, así como das previsións do art. 149.3 no que se determina o carácter supletorio nas Comunidades Autónomas do dereito estatal.

Por estas razóns, o Grupo Parlamentario Mixto presenta a seguinte emenda á totalidade ao Proxecto de lei de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.