Dende En Marea, vimos de denunciar que desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, se realizou unha proposta de amortización de postos de traballo nas que se inclúen 4 prazas de axente que afectarán aos distritos: V- Fisterra, VI -Mariña Lugo, XIII- Valdeorras-Trives e XIX-Caldas-O Salnés. Pola contra estas prazas servirán para a creación de 4 prazas no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Nalgúns destes distritos como a Mariña os axentes ademais son os encargados da vixilancia da praia das Catedrais en Lugo, con motivo da máxima afluencia de visitantes permitida, nos períodos vacacionais (Semana Santa, verán). No caso do XIII, Valdeorras-Trives, ademais da súa complexidade pola extensión e a orografía, producíronse nos últimos días incendios en concellos como Chandrexa de Queixa, Manzaneda ou A Teixeira entre outros.

Entre os traballos que realizan os axentes están a protección, vixilancia e control da superficie dentro da Rede Natura e dos espazos naturais protexidos, control, vixilancia e supervisión dos tecores de Caza, zonas libres de caza, zonas de exclusión, refuxios de fauna, tamén a vixilancia dos coutos de pesca, tramos libres de pesca sen morte, vedados, zonas de desove, encoros, realizan inventarios e censos de especies cinexéticas e piscícolas, encárganse da protección de especies protexidas (píllara, aguia real…), inspeccionan os danos producidos pola fauna salvaxe (xabaril, lobo, córvidos, corzos), fan informes, actas, e denuncias; así como as vixilancia constante diúrna e nocturna contra o furtivismo de caza e pesca, o control do uso público de montes e ríos, xestión e trampeo de especies invasoras, recollida e transporte de fauna ferida ou en certos casos morta (lobos), xestións de cortas ripícolas na zona de servidume de augas ,e xestións de aproveitamentos e obras (cortas, rozas..) en zonas protexidas entre outras.

Non só non se deben amortizar esas 4 prazas, senón que se deberían ampliar os efectivos nestas zonas.

Dende distintos sindicatos e asociacións profesionais, ven nesta, unha decisión unilateral da Consellería, que non se consultou ao persoal afectado: as axentes forestais e axentes facultativos medioambientais que traballan nestes distritos.

É vital conservar as actuais prazas de Axentes Forestais e Medioambientais que existen en toda Galicia, xa que este servizo actualmente é deficitario pola carga de traballo que este colectivo ten que realizar a diario.

É fundamental que se creen novas prazas para a realización do traballo por parellas, que implique unha mellora na seguridade, na eficacia e na calidade do desenvolvemento das tarefas tanto de carácter administrativo como as de carácter policial.

Denuncian tamén, que mentres que na Consellería de Medio Rural se cobren con persoal interino todas as prazas tanto vacantes como non vacantes das que dispoñen na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, non se convocan procesos de oposición para cubrir as actuais prazas vacantes e tampouco se cobren as mesmas con persoal interino.

Por todo isto, dende En Marea instamos a Xunta de Galicia a que convoquen oposicións en número suficiente para que todos os distritos teñan efectivos suficientes para a realización por parellas en cada quenda e a que cubran as prazas vacantes con persoal interino, mentres non saian a oposición.

Tamén a crear como mínimo 4 prazas de axente forestal e axente facultativo medioambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas e a retirar a amortización de 4 prazas por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.