O Camiño xacobeo entra en Galicia pola Portela do Home, ao través da anterga Vía Nova, vía romana tamén coñecida como Geira. Métese no Xurés ao través do Concello de Lobios polo Val de Río Caldo, onde abrollan os mananciais termais de Os Baños. Logo sobe pola marxe esquerda do río Limia ata Parade Ventosa, xa no concello de Muíños, onde atravesa o río na presa das Conchas e chega á igrexa visigótica de Santa Comba de Bande; polos montes deste concello diríxese á Portela do Vieiro, entrando no Concello de Verea para encamiñarse á parada obrigatoria de San Salvador de Celanova. Xa por terreos do Arnoia, atravesa o concello de Cartelle, A Merca, San Cibrao das Viñas e Barbadás, enlazando en Ourense coa Vía da Prata.

Con data 15 de decembro do 2009, diferentes asociacións da comarca, solicitáronlle á Consellería de Cultura o recoñecemento oficial de camiño xacobeo para o “Camiño de San Rosendo” ou “Caminho da Raínha Santa”; vía de peregrinación a Compostela que vén de Braga e entra pola Portela d’Homem, aproveitando o antigo trazado da vía romana XVIII ata Santa Comba de Bande, onde se separaba da mesma e seguía polo Alto do Vieiro e Celanova ata Ourense, enlazando coa vía da prata.

Así mesmo, con data 25 de marzo do 2010, reunidos en Celanova os alcaldes dos concellos polos que pasa o camiño (Lobios, Entrimo, Muíños, Bande, Lobeira, Celanova, Cartelle, A Merca, Verea, San Cibrao das Viñas e Barbadás), acordaron por unanimidade, que este camiño sexa recoñecido oficialmente camiño xacobeo, como un ramal do camiño Mozárabe e que se lle aplique a sinalización apropiada.

Novamente, con data de 4 de novembro do 2015, diferentes asociacións dos concellos implicados, volven a presentar a documentación histórica do camiño, reclamando a súa solicitude de ser recoñecido Camiño de Santiago ante a Xefatura de Servizo de Protección e Fomento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Por iso, vimos de solicitar no Parlamento de Galicia  a incursión do camiño Xacobeo de San Rosendo, como camiño xacobeo de peregrinación a Santiago, dotar o camiño da sinalización propia do Camiño de Santiago, elaborar un plan director para conservar o Camiño, potencialo e dotalo da rede de albergues axeitadas e establecer contactos coas cámaras de Terras de Bouro, Amares e Braga para que se leve a cabo a mesma actuación na parte portuguesa do camiño.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.