Hoxe, na Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, no Parlamento Galego, aprobouse por unanimidade unha iniciativa de En Marea onde instamos a Xunta de Galicia a que estude a viabilidade de adoptar medidas alternativas e medioambientalmente sostibles de control de vexetación nas estradas.

Tamén a instar a distintas administracións a parar de envelenar o medio con estes potentes velenos.

Somos coñecedores do “vicio” que a Administración autonómica ten na aplicación destes velenos, concretamente do glifosato, potente herbicida xenérico que a Unión Europea está a punto de prohibir e que a OMS considera como canceríxeno.

Tamén, dende o Servizo Público de Defensa Contra Incendios Forestais, alertan de que o efecto que se consigue secando esta herba con veleno, acaba secando por completo polo que a velocidade de propagación é moito maior que si se roza, xa que deste xeito quedaría recen saída e verde.

Actualmente hai informes tallantes da Organización Mundial da Saúde (OMS) e de organismos de toxicoloxía en toda Europa que mostran os terribles efectos destes produtos no medio ambiente e o alto potencial canceríxeno en mamíferos e persoas. Recordan que todo o que toca este produto queda contaminado.

Estas malas prácticas, ademais de contribuír á contaminación química dos acuíferos e ao envelenamento do medio, son un factor engadido de risco de incendios pola cantidade de biomasa vexetal seca que se amorea. A práctica de evitar o crecemento da vexetación herbácea das cunetas mediante o uso masivo e indiscriminado de herbicidas, comporta máis efectos negativos que positivos.

Reclamamos o abandono destas prácticas e a substitución por traballos de rozado mecánico, con recuperación da materia orgánica para a fabricación de “compost”.

Hai días e hai días. Agora toca estar vixiantes ao acordo.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.