Dende o ano 2012, a relación de postos de traballo (RPT) da Consellería do Medio Rural, recolle unha serie de prazas cunha temporalidade na prestación de servizos de ata tres meses, prazas adscritas ao Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais.

As citadas prazas de nova creación foron recollidas no DOGA nº 130, do luns 9 de xullo de 2012, onde se recolle que segundo a Lei 3/2007 do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais, atribúe ao órgano competente en materia forestal o deseño do operativo de extinción de incendios forestais a través do plan de defensa contra incendios forestais (PLADIGA).

A Xunta de Galicia argumentaba polo ano 2012 que a citada modificación da RPT de Medio Rural tiña por finalidade dimensionar a estrutura orgánica do persoal e adecuala ás necesidades do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais en época estival que, de forma permanente, é declarada como época de alto risco, dando apoio nas tarefas de extinción de incendios forestais.

Nesta modificación da RPT aprobouse a creación de 436 prazas, cunha prestación de servizos de ata tres meses para persoal do SPDCIF, de cara ao reforzo de alto risco de incendios, tal e como relata no DOGA anteriormente exposto.

A normativa pola que se rexen as relacións xurídico-laborais entre a Xunta de Galicia e o persoal que presta os seus servizos baixo a súa dependencia, entre eles o persoal laboral do SPDCIF, recolle unicamente períodos de actividade laboral de doce e nove meses.

Nos 436 contratos de traballo, que os traballadores e traballadoras asinan coa Xunta de Galicia-Consellería de Medio Rural, na cláusula primeira vincula ao traballador co SPDCIF. Nas cláusulas terceira e cuarta tamén existe vinculación do traballador co propio V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, como tamén na cláusula adicional décimo terceira.

No que á parte económica se refire, tal e como recolle a propia memoria de xustificación funcional e económica da Consellería do Medio Rural, elaborada para a modificación da RPT da consellería de cara á creación dos postos de reforzo no verán do SPDCIF, o incremento de gasto anual para poder contratar durante nove meses ós traballadores e traballadoras é de 6.685.352€, un gasto, que debe considerarse asumíbel.

Diante do argumento da falta de fondos para ampliar a contratación, podemos demostrar como a Xunta de Galicia tenta ampliar a data de hoxe as contratación en temo e número de brigadas helitransportadas por un montante superior ás cifras que vimos de expoñer, aumentando o tempo de traballo só ás brigadas helitransportadas privadas para facer prevención mentres manda o persoal do SPDCIF fixo descontinuo ao paro.

A precariedade laboral á que están sometidos os traballadores e traballadoras contratados, cos tempos e modalidades existentes neste momento, aumenta co simple paso do tempo. É escandaloso que a propia Administración pública fomente estes contratos, non garantindo o básico para poder manter unhas condicións de vida digna.

Por iso, dende En Marea vimos de pedirlle a Xunta de Galiza no parlamento galego que proceda á modificación da actual Relación de Postos de Traballo da Consellería de Medio Rural, no senso de que a duración dos contratos do persoal de reforzo para a campaña do verán do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) se incremente sobre os 3 meses actuais, sendo equiparados cos traballadores e traballadoras, persoal laboral fixo descontinuo, ampliando a súa relación contractual a un total de nove meses.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.